domingo, 19 de abril de 2009

PPedrada 3: Feijóo e os gaiteiros escoceses


Na súa primeira oportunidade, unha enorme patada na boca da cultura galega. Non quixo perder minuto ningún. Alberto Núñez Feijóo decidiu herdar do seu papi Fraga o costume dos gaiteiros na praza do Obradoiro no acto de investidura. Iso si, onde Fraga puxo 5.000, Feijóo quedou en 60 (a crise...).

Con Fraga, apoiado pola súa potente rede clientelar de deputacións e concellos peperos, viñan músicos de ducias de bandas de gaitas, case de balde, porque era un compromiso ao que, se non asistían, quedaban marcados ante posibles subvencións que empezarían a diminuír e actuacións qe deixarían de concederlles. Daquela había gaitas de toda caste, incluso algunha galega.


Feijóo foi máis modesto: quedou directamente coa Real Banda de Gaitas de Ourense, capital Edimburgo. Todo moi simbólico.

Hai catro anos, Touriño marcara a sensación de cambio con aquela investidura un chisco rancia pero con intención renovadora: alfombras de cores, poesía, música clásica e un moi bo gaiteiro tocando o himno galego. Pouca xente, público moi chic... O Touriño sempre tivo ese aquel elitista que despois lle daría tantos problemas coa escolla de cadeiras, coches e tal.

Con Feijóo volveron os buses de fans, as 5.000 persoas apelotonadas berrando "Presidente presidente", "Guapoooo"... Que non se lle suba á cabeza; o mesmo lle berraban a Fraga.

E as gaitas. Se vos fixades ben na foto dos gaiteiros de detrás, poderedes observar que, ademais do ronco de toda a vida das gaitas galegas, as dos Foxo's bagpipers teñen outros dous máis pequenos que saen ao seu lado esquerdo. Copia pura e dura do modelo marcial escocés. Por non entrar en detalles de roupa (esa falta de corido, esas capas...) nin na percusión e os seus pompóns.

Todo un símbolo da volta ao estrelato de Xosé Luís Foxo, que ben que chorou durante os últimos anos, a pesar de que logrou manter a súa estrutura de popularización aculturizante do eido da gaita na provincia de Ourense.

E pola banda de Feijóo:

¿Ignorancia sobre o tema? Tería as orellas e os ollos tapados sempre que se falou desde tema de gaitas raras mesmo na súa querida provincia de Pontevedra?

¿Ou pago de favores?

Fagan as súas apostas.

2 comentarios:

Pilpo dijo...

A Real Banda de Gaitas de Ourense é a peor (con diferenza) de Galicia. Nin sequera as bandas de gaitas das outras deputacións aturan a Foxo, e cada vez está máis ido da cabeza.

d.jones dijo...

Debo dicir que descoñezo bastante o mundo das bandas de gaiteiros, pero o que si que teño claro e que temos o espirito do fraguismo de novo entre nos!! Pompa (ou pompón se é o caso...) e circunstancia. E seguro que o rematar o acto tiñan algunhas empanadiñas preparadas para esos 5000 fans,a que si?
Saudos!!

Publicar un comentario

Aínda que existe a posibilide de comentar como Anónimo, polo ben do debate hase agradecer que poñades cando menos un Alcume (opción: Nombre/Url, non é precisa a url, nin que sexa un nome real).

Tratade de evitar insultos ou, no seu defecto, tratade de ser orixinais, ;). Non vaia ser que non pechen o chiringo...

Arquivo

 

Copyright 2008 All Rights Reserved | Blogger Template by Bloganol and Smart Blogging Tips