Mostrando entradas con la etiqueta politica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta politica. Mostrar todas las entradas

lunes, 9 de marzo de 2009

Longa noite de PPedra

6 comentarios
Era a noite do 1 de marzo de 2009 e moitos de nós remexíamos na conciencia e non saïamos do asombro de ver que o Partido Popular, tras menos de 4 anos na oposición, volvía gobernar na Xunta.

Moi cedo se esqueceran eses 16 anos de vergoña e aldraxe, de caciquismo, de machismo, de bilingüismo harmónico, de subvencións a dedo, de persecución política, de presumir dos fondos que viñan dados de Europa, de fundacións, de apoio a todo o privado, de prestiges e cargas policiais.

Ante esa desmemoria, demos por crear no Facebook un grupo, un grupo no que expresar a nosa carraxe fronte unha sociedade que optaba por ficar atrás. Chamámolo Eu non apoiei esta Longa noite de PPedra.

Porque así nos sentimos, no comezo dunha longa noite de pedra na que, o que semellaba (coas súas lentitudes e querencias) un camiño a mellor, se volveu escuro de novo.

E ante a nosa sorpresa, o grupo empezou a medrar: dos 60 nesa triste noite, aos 200 nun par de días. E máis tarde os 600. Nunha semana, mil. Empezaron a expresar a sua opinión e a enviar ligazóns con novas. Cando se podía pensar nun parón, acadáronse os 1.700 membros. E fluíu unha idea: a de tratar de loitar contra esa desmemoria colectiva cun blog, cun arquivo colectivo no que apuntar, narrar, documentar os motivos polos que dentro de 4 anos debemos dicir:

Non, non votedes ao PP. Lembrade isto. Lembrade aquilo. Non o estou inventando. ¿Acaso queres seguir nesta Longa noite de PPedra?

E aquí estamos. Por suposto, non somos Celso Emilio. Pero, neste tempo de xenreira, mellor previr que lamentar de volta as persecucións polas ideas. Ogallá que todos, nós e ti que nos les, sexamos Celso Emilio. Non dubidedes en nos enviar ou comentar as novas que atopedes e consideredes relevantes sobre a acción do PP á fronte da Xunta. Pois este blog, igual que aquel grupo, será o noso agocho na Longa noite de PPedra.

Como homenaxe ao autor que inspirou esta idea, velaquí fica o seu poema orixinal:

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

Arquivo

 

Copyright 2008 All Rights Reserved | Blogger Template by Bloganol and Smart Blogging Tips