Con Fraga, apoiado pola súa potente rede clientelar de deputacións e concellos peperos, viñan músicos de ducias de bandas de gaitas, case de balde, porque era un compromiso ao que, se non asistían, quedaban marcados ante posibles subvencións que empezarían a diminuír e actuacións qe deixarían de concederlles. Daquela había gaitas de toda caste, incluso algunha galega.

Feijóo foi máis modesto: quedou directamente coa Real Banda de Gaitas de Ourense, capital Edimburgo. Todo moi simbólico.
Hai catro anos, Touriño marcara a sensación de cambio con aquela investidura un chisco rancia pero con intención renovadora: alfombras de cores, poesía, música clásica e un moi bo gaiteiro tocando o himno galego. Pouca xente, público moi chic... O Touriño sempre tivo ese aquel elitista que despois lle daría tantos problemas coa escolla de cadeiras, coches e tal.
Con Feijóo volveron os buses de fans, as 5.000 persoas apelotonadas berrando "Presidente presidente", "Guapoooo"... Que non se lle suba á cabeza; o mesmo lle berraban a Fraga.
E as gaitas. Se vos fixades ben na foto dos gaiteiros de detrás, poderedes observar que, ademais do ronco de toda a vida das gaitas galegas, as dos Foxo's bagpipers teñen outros dous máis pequenos que saen ao seu lado esquerdo. Copia pura e dura do modelo marcial escocés. Por non entrar en detalles de roupa (esa falta de corido, esas capas...) nin na percusión e os seus pompóns.
Todo un símbolo da volta ao estrelato de Xosé Luís Foxo, que ben que chorou durante os últimos anos, a pesar de que logrou manter a súa estrutura de popularización aculturizante do eido da gaita na provincia de Ourense.
E pola banda de Feijóo:
¿Ignorancia sobre o tema? Tería as orellas e os ollos tapados sempre que se falou desde tema de gaitas raras mesmo na súa querida provincia de Pontevedra?
¿Ou pago de favores?
Fagan as súas apostas.