Mostrando entradas con la etiqueta feijoo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta feijoo. Mostrar todas las entradas

domingo, 19 de abril de 2009

PPedrada 3: Feijóo e os gaiteiros escoceses

2 comentarios
Na súa primeira oportunidade, unha enorme patada na boca da cultura galega. Non quixo perder minuto ningún. Alberto Núñez Feijóo decidiu herdar do seu papi Fraga o costume dos gaiteiros na praza do Obradoiro no acto de investidura. Iso si, onde Fraga puxo 5.000, Feijóo quedou en 60 (a crise...).

Con Fraga, apoiado pola súa potente rede clientelar de deputacións e concellos peperos, viñan músicos de ducias de bandas de gaitas, case de balde, porque era un compromiso ao que, se non asistían, quedaban marcados ante posibles subvencións que empezarían a diminuír e actuacións qe deixarían de concederlles. Daquela había gaitas de toda caste, incluso algunha galega.


Feijóo foi máis modesto: quedou directamente coa Real Banda de Gaitas de Ourense, capital Edimburgo. Todo moi simbólico.

Hai catro anos, Touriño marcara a sensación de cambio con aquela investidura un chisco rancia pero con intención renovadora: alfombras de cores, poesía, música clásica e un moi bo gaiteiro tocando o himno galego. Pouca xente, público moi chic... O Touriño sempre tivo ese aquel elitista que despois lle daría tantos problemas coa escolla de cadeiras, coches e tal.

Con Feijóo volveron os buses de fans, as 5.000 persoas apelotonadas berrando "Presidente presidente", "Guapoooo"... Que non se lle suba á cabeza; o mesmo lle berraban a Fraga.

E as gaitas. Se vos fixades ben na foto dos gaiteiros de detrás, poderedes observar que, ademais do ronco de toda a vida das gaitas galegas, as dos Foxo's bagpipers teñen outros dous máis pequenos que saen ao seu lado esquerdo. Copia pura e dura do modelo marcial escocés. Por non entrar en detalles de roupa (esa falta de corido, esas capas...) nin na percusión e os seus pompóns.

Todo un símbolo da volta ao estrelato de Xosé Luís Foxo, que ben que chorou durante os últimos anos, a pesar de que logrou manter a súa estrutura de popularización aculturizante do eido da gaita na provincia de Ourense.

E pola banda de Feijóo:

¿Ignorancia sobre o tema? Tería as orellas e os ollos tapados sempre que se falou desde tema de gaitas raras mesmo na súa querida provincia de Pontevedra?

¿Ou pago de favores?

Fagan as súas apostas.

martes, 24 de marzo de 2009

As présas de Feijóo

0 comentarios
Pouco despois de saber os resultados das eleccións do primeiro de marzo, Feijóo quería apurar os plazos para que o traspaso de poderes se fixese o máis asiña posible. A resposta de Touriño viu uns días despois, dicindo que o traspaso se fará "en tempo e forma".

Parece que o futuro PPresidente da Xunta de Galicia non quere que o goberno en funcións lapide as arcas do goberno galego como o PP fixo cando o traspaso de poderes na anterior lexislatura.

Hoxe, 24 de marzo, Feijóo volve criticar que os actuais dirixentes da Xunta aínda non se puxeran en contacto con el. Semella que non lle da chegado o día...

Imaxe: davila.net

martes, 17 de marzo de 2009

Feijóo non gaña para multas

1 comentarios

Aínda non é nin presidente (non por falta de ganas, polo que se ve) e xa lle caen máis paus que a un santo. E non só pola nosa banda.

A historia do Citroën volvéuselle ben do revés. Ademais do que contamos de que a fábrica de Vigo de Citroën lle proporcionaba de balde un automóbil, nos últimos días sóubose que, fóra desa cacarexada defensa da marca con presenza en Vigo á hora de mercar cos cartños do seu peto escolleu tamén el un Audi.

Seica o ten, o probe, gardadiño no garaxe, a acumular po. Postos a aforrar, ben podía cederllo directamente á Xunta e facer uso del e cobrar só a quilometraxe, coma os currantes de verdade. Ai, non, esquecía que había que mercalo en Citroën...

Ademais, mesmo lle pillaron multas publicadas no Boletín Oficial de Pontevedra, non pagadas en prazo. Ai, Axente Feijó09, a ver se lle van quitar o carné e ten que cederlle o volante ao chofer...

Imaxe | Edu

martes, 10 de marzo de 2009

PPedrada 1: O Citroën de Feijóo

4 comentarios
lnp_feijoo_citroen_100309Empezamos coa nosa listaxe de PPedradas do PP nesta nova xeira 2009- 20¿?. Alberto Núñez Feijóo, despois da caña que lle deron a Touriño por mercar un coche supostamente máis caro que o de Obama, comprometeuse publicamente a mercar utilizar como coche oficial un "Citroën de los que venden en la planta de Vigo".

A factoría Citroën de Vigo tan só fabrica os modelos Berlingo, Partner e C4 Picasso. Cando todos agardabamos o momento de velo co seu look de alto executivo nunha Berlingo, finalmente acabou por anunciar que ía utilizar o modelo C6. O mesmiño que Sarkozy, seica vai cambiar a política exterior da Xunta. Pero, vaites, non o podo crer, se este automóbil se fabrica en Francia!

Despois saíron con aquilo de que ían tunealo na fábrica de Vigo e tal. Pero, vaites, tamén se descubriu que Citroën lle proporcionaba coche de balde a Feijóo pola súa cara bonita desde hai anos.

Xa empezamos cedo coas PPedradas. Queda moita noite, aínda que a de hoxe sexa de lúa chea. Atentos aos lobishomes, hai moito merodeador de direccións xerais en Compostela e están que traban...

lunes, 9 de marzo de 2009

Longa noite de PPedra

6 comentarios
Era a noite do 1 de marzo de 2009 e moitos de nós remexíamos na conciencia e non saïamos do asombro de ver que o Partido Popular, tras menos de 4 anos na oposición, volvía gobernar na Xunta.

Moi cedo se esqueceran eses 16 anos de vergoña e aldraxe, de caciquismo, de machismo, de bilingüismo harmónico, de subvencións a dedo, de persecución política, de presumir dos fondos que viñan dados de Europa, de fundacións, de apoio a todo o privado, de prestiges e cargas policiais.

Ante esa desmemoria, demos por crear no Facebook un grupo, un grupo no que expresar a nosa carraxe fronte unha sociedade que optaba por ficar atrás. Chamámolo Eu non apoiei esta Longa noite de PPedra.

Porque así nos sentimos, no comezo dunha longa noite de pedra na que, o que semellaba (coas súas lentitudes e querencias) un camiño a mellor, se volveu escuro de novo.

E ante a nosa sorpresa, o grupo empezou a medrar: dos 60 nesa triste noite, aos 200 nun par de días. E máis tarde os 600. Nunha semana, mil. Empezaron a expresar a sua opinión e a enviar ligazóns con novas. Cando se podía pensar nun parón, acadáronse os 1.700 membros. E fluíu unha idea: a de tratar de loitar contra esa desmemoria colectiva cun blog, cun arquivo colectivo no que apuntar, narrar, documentar os motivos polos que dentro de 4 anos debemos dicir:

Non, non votedes ao PP. Lembrade isto. Lembrade aquilo. Non o estou inventando. ¿Acaso queres seguir nesta Longa noite de PPedra?

E aquí estamos. Por suposto, non somos Celso Emilio. Pero, neste tempo de xenreira, mellor previr que lamentar de volta as persecucións polas ideas. Ogallá que todos, nós e ti que nos les, sexamos Celso Emilio. Non dubidedes en nos enviar ou comentar as novas que atopedes e consideredes relevantes sobre a acción do PP á fronte da Xunta. Pois este blog, igual que aquel grupo, será o noso agocho na Longa noite de PPedra.

Como homenaxe ao autor que inspirou esta idea, velaquí fica o seu poema orixinal:

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

Arquivo

 

Copyright 2008 All Rights Reserved | Blogger Template by Bloganol and Smart Blogging Tips