domingo, 26 de abril de 2009

PPedrada 4: Agustín Hernández, conselleiro baixo sospeita

2 comentarios
Xa están nomeados os novos conselleiros da Xunta de Galicia. Algúns conselleiros como Alfonso Rueda, Agustín Hernández ou Samuel Juárez xa tiveron cargos nos anteriores gobernos de Manuel Fraga, e mentres, no PPdeG falan dunha gran renovación.Un dos nomeados é Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras. Esta é unha das novas macro-consellerías creadas para reducir de 13 a 10 o número de consellerías (austeridade en tempos de crise).

Por unha parte, recibimos a ppedrada de unir Medio Ambiente con Obras. Deste xeito, os criterios ambientais quedan subordinados aos económicos. Canto tempo manterán a lei de non construír a 500 metros da costa? Cantos espacios da Rede Natura destrozarán?

Por outra parte, o novo conselleiro está expedientado por incumprir a Lei de Incompatibilidades. Boa forma de empezar. Por moito que Agustín Hernández queira defenderse "en aquel momento la ley lo permitía", os feitos están aí:
Que casualidade, non?

Deixaron pasar 13 meses para gardar as apariencias pero o certo é que incumpriría a actual Lei de Incompatibilidade. Se cadra daquela era legal; outra cousa é que fose ético.

Agustín Hernández é a nova voz na defensa ecolóxica de Galicia, malos agoiros para o medio natural.

Imaxe: luisdavila.net

domingo, 19 de abril de 2009

PPedrada 3: Feijóo e os gaiteiros escoceses

2 comentarios
Na súa primeira oportunidade, unha enorme patada na boca da cultura galega. Non quixo perder minuto ningún. Alberto Núñez Feijóo decidiu herdar do seu papi Fraga o costume dos gaiteiros na praza do Obradoiro no acto de investidura. Iso si, onde Fraga puxo 5.000, Feijóo quedou en 60 (a crise...).

Con Fraga, apoiado pola súa potente rede clientelar de deputacións e concellos peperos, viñan músicos de ducias de bandas de gaitas, case de balde, porque era un compromiso ao que, se non asistían, quedaban marcados ante posibles subvencións que empezarían a diminuír e actuacións qe deixarían de concederlles. Daquela había gaitas de toda caste, incluso algunha galega.


Feijóo foi máis modesto: quedou directamente coa Real Banda de Gaitas de Ourense, capital Edimburgo. Todo moi simbólico.

Hai catro anos, Touriño marcara a sensación de cambio con aquela investidura un chisco rancia pero con intención renovadora: alfombras de cores, poesía, música clásica e un moi bo gaiteiro tocando o himno galego. Pouca xente, público moi chic... O Touriño sempre tivo ese aquel elitista que despois lle daría tantos problemas coa escolla de cadeiras, coches e tal.

Con Feijóo volveron os buses de fans, as 5.000 persoas apelotonadas berrando "Presidente presidente", "Guapoooo"... Que non se lle suba á cabeza; o mesmo lle berraban a Fraga.

E as gaitas. Se vos fixades ben na foto dos gaiteiros de detrás, poderedes observar que, ademais do ronco de toda a vida das gaitas galegas, as dos Foxo's bagpipers teñen outros dous máis pequenos que saen ao seu lado esquerdo. Copia pura e dura do modelo marcial escocés. Por non entrar en detalles de roupa (esa falta de corido, esas capas...) nin na percusión e os seus pompóns.

Todo un símbolo da volta ao estrelato de Xosé Luís Foxo, que ben que chorou durante os últimos anos, a pesar de que logrou manter a súa estrutura de popularización aculturizante do eido da gaita na provincia de Ourense.

E pola banda de Feijóo:

¿Ignorancia sobre o tema? Tería as orellas e os ollos tapados sempre que se falou desde tema de gaitas raras mesmo na súa querida provincia de Pontevedra?

¿Ou pago de favores?

Fagan as súas apostas.

lunes, 6 de abril de 2009

PPedrada 2: Pilar Rojo e o himno nacional

2 comentarios

Non puideron esperar. Foi constituír o Parlamento e xa tiveron que montala. O caso foi simpático. Pilar Rojo, casada cun arquitecto considerado dos autores intelectuais da Cidade da Cultura, pontevedresa, estreou o cargo de presidenta do Parlamento animando os deputados a erguérense para escoitar o himno nacional.

Nada tan sorprendente, a verdade.

Pero claro, esquecíasenos que Galicia non é unha nación nin unha nazón. De feito, se o preguntasen hoxe, seguro que nin tan sequera sería nacionalidade histórica. Para historia, a de España e as grandes xestas do cid e os Reis Católicos, como diría Fraga, quen, por certo, xa tivo a Pilar Rojo como conselleira.

Neste novo tempo de regionalismo ilustrado, a presidenta do poder lexislativo sacou un comunicado no que puntualizou que "a única denominación válida é himno de Galicia, tal e como recolle a Lei de Símbolos de Galicia".

Quedou polo menos demostrado que ten quen lle escriba comunicados.

Ollo, que entre os seus primeiros obxectivos asegurou que estaba un novo Estatuto. Medo me dá o que poida pretender esta nacionalista de subconsciente.

Polo momento, xa lle deron uns cantos varazos polo súa patinaxe artística sobre os símbolos do país (ou non! Poderase dicir país? Terei que consultar a Lei de Símbolos...).

martes, 24 de marzo de 2009

As présas de Feijóo

0 comentarios
Pouco despois de saber os resultados das eleccións do primeiro de marzo, Feijóo quería apurar os plazos para que o traspaso de poderes se fixese o máis asiña posible. A resposta de Touriño viu uns días despois, dicindo que o traspaso se fará "en tempo e forma".

Parece que o futuro PPresidente da Xunta de Galicia non quere que o goberno en funcións lapide as arcas do goberno galego como o PP fixo cando o traspaso de poderes na anterior lexislatura.

Hoxe, 24 de marzo, Feijóo volve criticar que os actuais dirixentes da Xunta aínda non se puxeran en contacto con el. Semella que non lle da chegado o día...

Imaxe: davila.net

martes, 17 de marzo de 2009

Feijóo non gaña para multas

1 comentarios

Aínda non é nin presidente (non por falta de ganas, polo que se ve) e xa lle caen máis paus que a un santo. E non só pola nosa banda.

A historia do Citroën volvéuselle ben do revés. Ademais do que contamos de que a fábrica de Vigo de Citroën lle proporcionaba de balde un automóbil, nos últimos días sóubose que, fóra desa cacarexada defensa da marca con presenza en Vigo á hora de mercar cos cartños do seu peto escolleu tamén el un Audi.

Seica o ten, o probe, gardadiño no garaxe, a acumular po. Postos a aforrar, ben podía cederllo directamente á Xunta e facer uso del e cobrar só a quilometraxe, coma os currantes de verdade. Ai, non, esquecía que había que mercalo en Citroën...

Ademais, mesmo lle pillaron multas publicadas no Boletín Oficial de Pontevedra, non pagadas en prazo. Ai, Axente Feijó09, a ver se lle van quitar o carné e ten que cederlle o volante ao chofer...

Imaxe | Edu

domingo, 15 de marzo de 2009

Os excesos do PP

2 comentarios
Unha das claves críticas da campaña popular contra o Bipartito e nomeadamente contra Touriño foi a de ser un Goberno despilfarrador, con gastos excesivos e caprichosos en mobiliario oficial, no famoso coche de Touriño...

Probablemente ás críticas non lles faltase razón e, cando menos, está claro que o Bipartito adoeceu de sensibilidade para ser consciente de que eses gastos ían ser penalizados e de carácter para responder as críticas con contundencia.

Velaquí unha boa xeira de argumentos que pendurou guest26c63e:

Non faltan mencións ao custo da casa presidencial que emprendeu Fraga en Monte Pío, á súa piscina, aos 29 Audis A3 que mercou Fraga, aos seus relativamente discutibles usos...

jueves, 12 de marzo de 2009

A cultura de Baltar

3 comentarios
Xoan, desde O Ribeiro, estrea esta xeira de blog participativo de resistencia cunha anécdota que deixa ás claras a cultura dalgúns mandamaises populares. Aconteceu, asegura, durante a campaña:

Aparecen en Melón Alberto Pardellas (alcalde de Melón), José Luis Baltar (o do chiringuito ourensán) e Gallardón (si, o de Madrid, manda carallo). Achéganse ata o mosteiro e prodúcese o seguinte diálogo (insólito):

Gallardón: Oye, José Luis, y este monasterio... ¿a quién pertenece?
Baltar: Pues... este monasterio... pertenece a la Diputación.
Gallardón: No, no, me refiero a a qué orden pertenece...
Baltar: (despois do chivatazo oportuno dos lugareños) Ah, este monasterio pertenece a la orden de los "síster"...
Gallardón: ¿De los síster? Será de los Císter...
Baltar: Eso, eso... de los Císter.

En fin, século XXI e este fenómeno segue a gañar eleccións... eche o que hai.

Pois si, eche o que hai... A ver se nos sorprende Baltar e nacionalizan o mosteiro.

Imaxe | La campaña gallega

Arquivo

 

Copyright 2008 All Rights Reserved | Blogger Template by Bloganol and Smart Blogging Tips