miércoles, 11 de marzo de 2009

Colabora nesta Longa noite de PPedra

3 comentarios
Acabamos de arrincar e hai folgos a mans cheas. Pero isto decaerá e será máis duro manter no día a día. De certo que acabaremos por non postear a diario, aínda que si trataremos de poñer como mínimo algo cada semana.

O caso é que a vosa colaboración é moi importante. Este blog, como sabedes, xorde dun grupo de Facebook, é dicir, nun eido completamente colaborativo. Pensado, sobre todo, para tratar de ordear e gardar ben visibles as cacicadas e actos reprobables do PP en Galicia.

O correo electrónico e mesmo os comentarios dos post quedan abertos ás vosas contribucións. Na medida en que queirades: podedes desde enviar unha ligazón indicandonos algún tema do que falar, ata mesmo redactar vós mesmos a PPedrada ou o que creades convinte e nós trataremos de publicalo.

A lingua vehicular desde blog será o galego normativo. Pero non terxiversaremos a escrita do autor: sexa castelán, sexa reintegracionista. Cómo máximo, correxiremos erratas ou faltas de ortografía. Por suposto, reservámonos o dereito a publicalo ou non, se está cheo de insultos ou o contido non ten relación co blog. Vamos, non será un vale todo.

O título, os tags e unha breve presentación da historia quedará da nosa man. Evidentemente, citaremos a fonte, co nome ou alcume que nos digades.

Esta é unha loita a longo prazo, se cadra máis do que nos gustaría. Que se active a memoria.

martes, 10 de marzo de 2009

PPedrada 1: O Citroën de Feijóo

4 comentarios
lnp_feijoo_citroen_100309Empezamos coa nosa listaxe de PPedradas do PP nesta nova xeira 2009- 20¿?. Alberto Núñez Feijóo, despois da caña que lle deron a Touriño por mercar un coche supostamente máis caro que o de Obama, comprometeuse publicamente a mercar utilizar como coche oficial un "Citroën de los que venden en la planta de Vigo".

A factoría Citroën de Vigo tan só fabrica os modelos Berlingo, Partner e C4 Picasso. Cando todos agardabamos o momento de velo co seu look de alto executivo nunha Berlingo, finalmente acabou por anunciar que ía utilizar o modelo C6. O mesmiño que Sarkozy, seica vai cambiar a política exterior da Xunta. Pero, vaites, non o podo crer, se este automóbil se fabrica en Francia!

Despois saíron con aquilo de que ían tunealo na fábrica de Vigo e tal. Pero, vaites, tamén se descubriu que Citroën lle proporcionaba coche de balde a Feijóo pola súa cara bonita desde hai anos.

Xa empezamos cedo coas PPedradas. Queda moita noite, aínda que a de hoxe sexa de lúa chea. Atentos aos lobishomes, hai moito merodeador de direccións xerais en Compostela e están que traban...

lunes, 9 de marzo de 2009

Longa noite de PPedra

6 comentarios
Era a noite do 1 de marzo de 2009 e moitos de nós remexíamos na conciencia e non saïamos do asombro de ver que o Partido Popular, tras menos de 4 anos na oposición, volvía gobernar na Xunta.

Moi cedo se esqueceran eses 16 anos de vergoña e aldraxe, de caciquismo, de machismo, de bilingüismo harmónico, de subvencións a dedo, de persecución política, de presumir dos fondos que viñan dados de Europa, de fundacións, de apoio a todo o privado, de prestiges e cargas policiais.

Ante esa desmemoria, demos por crear no Facebook un grupo, un grupo no que expresar a nosa carraxe fronte unha sociedade que optaba por ficar atrás. Chamámolo Eu non apoiei esta Longa noite de PPedra.

Porque así nos sentimos, no comezo dunha longa noite de pedra na que, o que semellaba (coas súas lentitudes e querencias) un camiño a mellor, se volveu escuro de novo.

E ante a nosa sorpresa, o grupo empezou a medrar: dos 60 nesa triste noite, aos 200 nun par de días. E máis tarde os 600. Nunha semana, mil. Empezaron a expresar a sua opinión e a enviar ligazóns con novas. Cando se podía pensar nun parón, acadáronse os 1.700 membros. E fluíu unha idea: a de tratar de loitar contra esa desmemoria colectiva cun blog, cun arquivo colectivo no que apuntar, narrar, documentar os motivos polos que dentro de 4 anos debemos dicir:

Non, non votedes ao PP. Lembrade isto. Lembrade aquilo. Non o estou inventando. ¿Acaso queres seguir nesta Longa noite de PPedra?

E aquí estamos. Por suposto, non somos Celso Emilio. Pero, neste tempo de xenreira, mellor previr que lamentar de volta as persecucións polas ideas. Ogallá que todos, nós e ti que nos les, sexamos Celso Emilio. Non dubidedes en nos enviar ou comentar as novas que atopedes e consideredes relevantes sobre a acción do PP á fronte da Xunta. Pois este blog, igual que aquel grupo, será o noso agocho na Longa noite de PPedra.

Como homenaxe ao autor que inspirou esta idea, velaquí fica o seu poema orixinal:

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

Arquivo

 

Copyright 2008 All Rights Reserved | Blogger Template by Bloganol and Smart Blogging Tips